Do Beato Rudesindo Sabucedo

Obra gañadora do I Premio de Relato Curto de Moreiras

Fora cousa de Carmiña Canal, unha leiteira moi lercha de Gradeira. Comezara a dicir que na corte da casa da tamén leiteira Ramona Sabucedo, nas Airas, vivía acochado, coa lepra, o seu sobriño Rudesindo, orfo de nai desque seu pai Eligio, irmán dela, marchara a México.

Nunca ninguén vira ao leproso, pero ninguén se acercaba ao lugar. Só o doutor Amadeo Lloves, de Toén, entrara na casa. E só el, en todo o municipio, seguiu a mercar o leite á Ramona.

E viña o Doutor sendo concelleiro do PC cando estoupa a guerra e o tenente coronel Luís Soto manda deter aos das esquerdas. Unha madrugada de agosto do ’36, golpea con violencia na porta da súa casa un grupo de requetés entre os que estaba Emilio Cruz, ex-concelleiro carlista co que tiña lea, amais, por unha moza. Sabía ben que os outros non foran sequera levados ó cárcere, senón que foran directamente “claudiados” máis para abaixo de Alongos, á beira do río, e fuxe.

Bota a correr en dirección a Moreiras. Unha grea de homes e cans perségueno. Decide virar o rumbo sobre a marcha e meterse monte a través á altura de Fondón. Avanza entre os toxos, esgaduñado, até deixar de ouvir os tiros e os ladridos. Senta e toma aire. En canto amenza estarán asexándoo de novo – pensa – e retoma a marcha cavilando na opción máis segura. – ¡Claro! A corte da casa de Ramona Sabucedo – . El sabía realmente que alí non había leproso ningún. Só unha vaquiña e un burro.

Cando chegou, aínda noite, Ramona estaba a piques de saír cara Ourense, onde algo ía vendendo por xunto a finca do Macías. Deulle un bo susto, pero foi acollido pola leiteira, quen lle gardaba aprecio. Amorrachou sobre a palla e, aínda que non estaba afeito, o cansazo era tal que axiña conciliou o sono.

Durante tres semanas, como se nada soubese e para non espertar sospeitas, Ramona continuou a ir, no día e hora habituais, á casa do doutor co cántaro á cabeza, coma se lle fose vender o leite. Cando ninguén a vía aproveitaba para coller, seguindo as súas indicacións, roupa, uns aforros que tiña acochados e un vello libro que estaba a estudar en profundidade; un de John Gerard: “General History of Plantes”.

Os requetés, durante días, percorreron todas as casas do pobo: dende Trelle até Xestosa, dende Xestosa até Feá, dende Feá até Freixendo e dende Freixendo até Moreiras. Na parroquia, só dúas ficaron sen rexistrar: a casa parroquial e a do leproso das Airas – non fora ser o demo -, pero nin rastro del. Na aldea comezouse a dicir que saíra do país.

As rutinas da leiteira dende entón non cambiaron moito, acaso, mercaba algo máis pra comer, pero ninguén lle prestaba atención a aquela muller e ao seu “sobriño” enfermo. E así pasaron os anos da guerra (os días da guerra en Ourense) e os da posguerra o doutor Amadeo Lloves, Ramona Sabucedo, a vaquiña e o burro.

Todo cambiaría o 14 marzo de 1945. Meses antes, ordenaran novo bispo a Pachico Blanco Nájera, quen organizou nos xardíns de San Lázaro, fronte a capela, unha misa para os leprosos en conmemoración do patrón. Mandou que os párrocos desen instrucións ás familias para levaren aos enfermos. Debían atarlle unha lata cunha corda a un pé, para advertir do seu paso co ruído á veciñanza, e levar a cara cuberta. Don Antonio, o cura de San Pedro de Moreiras, pensando que con ela vivía o leproso Rudesindo, deu recado a Ramona, que non sabía que demo facer. O doutor Lloves tranquilizouna. Taparía a cara, faríase pasar polo seu sobriño e iría á misa. – “Xa teño gana de dar un paseo pola capital” – dixo. E alí chegou, sobre o burro, paseniño, gobeludo e moi desmellorado, ante a mirada morbosa de xente que se presinaba ao seu paso.

Acabando a misa, mandou o bispo aos leprosos levantar os panos cos que cubrían as súas cabezas para lles dar a bendición. Foi nese momento cando o Padre viu que Rudesindo, aínda que gobeludo, pálido e desmellorado, parecía ter curado. Ante o pasmo do prelado, os fregueses reaccionaron en éxtase ao grito de ¡Milagre!

Tralo prodixio, o accidental Rudesindo, – ou sexa, o Doutor -, foi confinado novamente, agora, no Mosteiro de Santa María de Oseira, até o ano ’55, cando morreu dise que envelenado coa infusión dunha planta que empezara a sementar non había moito. Recibiu sepultura, en loor de multitudes, no camposanto de San Pedro de Moreiras, sendo presidida a cerimonia polo propio bispo, quen mesmo se presentaría entusiasta como Postulador da Causa para a súa beatificación.

Na primavera do ’62, sendo o impostor xa beato e o cortello das Airas un centro de peregrinación, Ramona Sabucedo, que traballaba coidando da casa parroquial e do cemiterio dende aquel célebre San Lázaro, recibiu unha inquietante carta remitida dende México polo seu irmán, Eligio Sabucedo. Nela daba noticia da morte do auténtico Rudesindo Sabucedo en Querétaro, onde sempre viviron dende que marcharon. Estaba a tramitar a repatriación do corpo para enterralo nun dos nichos da familia e cursara xa a notificación a través do consulado á Diocese.

Non houbo outra. Ramona confesou todo a Don Antonio, que case morre do infarto, para logo iren ao bispado. De alí mesmo foi levada, con discreción, ao mosteiro que teñen as clarisas en Vilar de Astrés, de clausura, de onde nunca sairía.

Cando chegou o corpo, semanas despois, dirixiuse con el o séquito do bispo, o párroco e uns peóns cara ao panteón. Fixérono de noite. Levantaron a lápida do beato, escavaron no foso, abriron a caixa e viron dentro, nefeuto, que non había corpo ningún. Retirárona, puxeron a outra no seu lugar, taparon o buraco, colocaron de novo a lápida e marcharon deixando presto, agora si, para o descanso eterno ao auténtico leproso Rudesindo Sabucedo.

© Asociación de Veciños de Moreiras
ACWebStudio - Diseño Web