Sobre o cambiante pano de fondo do último século da historia británica, O álbum de fotos relátanos a historia da familia Hastings dun modo tan vívido e conmovedor como as postais e as fotografías que a avoa Amelia gardará durante toda a súa vida nunha maleta de cartón. Coñeceremos primeiro a William, o mozo obreiro dunha fábrica que combate na batalla de Galípoli; ao seu fillo Billy, un campión ciclista que na Segunda Guerra Mundial toma parte no Desembarco de Normandía montado nunha bicicleta militar; a Will, o seu fillo lisiado, que chega a ser académico en Oxford durante os anos sesenta; e por último a Billie, a filla de Will, pintora de talento no Londres actual.
Mentres os nomes de todos eles reverberan sen tregua de xeración en xeración, iremos coñecendo as súas pequenas miserias, as súas lealdades e traizóns á familia ou ás súas vocacións, os distintos modos de vivir a soidade das mulleres dos soldados, a importancia de conseguir unha barra de beizos en plena guerra, a fame, o éxito, a superación, o legado das eleccións tomadas, as ocasións perdidas e os segredos ocultos.