Romance pesimista de fin de ano.

Celso Emilio Ferreiro

«Romance pesimista de fin de ano» forma parte do seu libro «Longa noite de pedra» considerado unha das obras máis importantes e representativas de Celso Emilio Ferreiro.
Nos seus versos, Celso Emilio plasmou de forma maxistral unha concepción do mundo, crítica e solidaria, que fixo del un poeta intemporal.
Celso Emilio Ferreiro

Pasa o tempo sin deterse
río infindo de silencio,
río infindo noite e día
río infindo branco e negro.

Nos seus miuños de día
moe a frol do meu contento,
nos seus muiños de noite
meu corazón vai moendo.

Río longo estrelecido
que non ten fin nin comenzo,
un miuño pra saudade,
outro pro dór e pro medo,
outro pras tristes lembranzas
das horas que xa morreron,
horas que foron deixando
rónseles de amor no peito.

Os días tiñan un nome,
os nomes tiñan un senso,
tempo de falar da neve
tempo de decir os rezos
tempo de pechar os ollos
tempo de regar os eidos.

O pai falaba da guerra,
a nai poñía o comento,
o rapaz fitaba o mundo
con ollos de asombro abertos.

¿Qué foi das neves aquela,
tépeda voz dos meus vellos?
¿Qué fos das froles de antano,
ollos azules do neno?

Pasache tí río infindo
canle moura de silencio
pasache ti auga escura
todolo levache a eito.

Agora o mesmo me da
estar lonxe ou estar perto,
pois anque vivo no mundo
teño a ialma no desterro.

Arriádalas bandeiras
pra min xa nada ten xeito,
vencido vou camiñando
sin saber que rumbo levo.

Tódolos días iguais
nada agardo en pouco creo,
non hai cousa que me apure
non estou triste nin ledo,
e si me poño a cantar,
ei de cantar como quero.

Río infindo noite e día,
río infindo branco e negro.

Estreliña da fartura
que das tanta craridade,
foise o noite, foise ó día,
foise a miña mocedade.

AVV. de Moreiras