Segundo premio do I Premio de Relato Curto de Moreiras
“Só quen pase por algo así podería comprenderme, é moi complicado porse na pel doutro cando non circulan polo teu interior sentimentos escuros e melancólicos que espertan contigo cada mañá e arroupándote coas súas garras cando deitas, facendo de compañía ao longo de días interminables, só soltando a súa presa cando o soño vence á realidade e a mente ao fin procura unhas horas de descanso …
Desalento, esa sensación de que me falta vida, a ausencia de iniciativa, o resignarme co que cada día me ofrece, sentindo que a rutina me consome. Non me gusto, o meu rostro móstrase abatido e o desánimo fai de min unha mala compañía, seino, por iso procuro illarme, para non contaxiar á miña contorna desta melancolía que me transformou por completo. Antes eu era un raparigo forte, sereno, controlaba os meus impulsos cando era necesario e saltaba á pista con todas as miñas armas se a situación o requiria. Non sei cando o meu mundo volveuse do revés, nin cando empecei a encerrarme en min mesmo dubidando de todo e de todos, dubidando de min. Sinto como se vivise nunha fría habitación abandonada, as gretas flltranse danando a miña caparazón, ameazando con derrubar a miña armadura, os meus amargados pensamentos son como cascallos que se multiplican deixando a miña mente manchada, atópome preso, encerrado entre catro sucias paredes invisibles que me custodian como un carcelero. Estou baleiro, e con todo, algo impulsa a me erguer cada mañá e seguir adiante, despois de todo quizá a va ilusión de que algo pode cambiar aínda perviva no meu interior. “
Despois de trinta anos volvín ler estas palabras e o meu corazón deu un envorco ao lembrar aquela época. Non é que a miña mente borre partes do meu pasado, ao contrario, son eses fragmentos da miña existencia os que me impulsan a continuar coa miña vida desafiando a todo e a todos os que tenten utilizar o desprezo para rebaixarme, agora ignoro calquera comentario, calquera mueca e calquera xesto que queira botar por terra todo avance gañado con bágoas e esforzo. Agora son feliz, si, feliz, cinco letras que describen a miña presente liberación tras aquel tempo escondido. Cantos poderían hoxe dicir de si mesmos que realmente son felices?, e non falo de instantes efémeros que se lembran cun nostálxico sorriso tempo despois, refirome a unha actitude ante a vida descuberta tras permanecer demasiado tempo nun foxo por medo a ser distinto dos demais, por temor a que ninguén na miña contorna entendese que un non é o que os demais esperan del, senón o que un sente que ten que ser.
Escribín aquelas palabras con catorce anos, cando era un adolescente que acababa de descubrir sentimentos incoherentes cos que se supón debería sentir. Os meus ollos iluminábanse e o meu corazón acelerábase en momentos inadecuados, eu non entendía as miñas reaccións e ocultaba o meu rubor mentres unha pesada laxa ocultaba o meu segredo. Necesitaba confiarme a alguén, pero as dúbidas asaltábanme cando estaba a piques de falar coa persoa que instantes antes parecía a indicada e volvía gardar para min un peso que me esmagaba cada día máis.
Escribín aquela nota e a escondín entre as follas dun libro de aventuras que sabía que ninguén máis ea min collería. Foi a única mane ira que atopei de desafogarme o día que estiven a piques de falar cos meus pais para contarlles a verdade, ese día no que me sentín como un reo a piques de confesarlles que o seu único fino non era como eles imaxinaban, que os meus gustos non eran os gustos que eles esperaban de min. Recordo que me plantei ante eles e cando xa as palabras asomaban aos meus beizos a escena conxelouse como ao darlle ao “pause” nunha película gravada, o son do teléfono interrompeu o meu discurso e a escena rebobinouse devolvéndome ao meu cuarto onde apenas tres minutos antes ensaiara o meu debut.
Tardei doce anos en volver a esa escena. Doce anos nos que me decidín a falar. Acabei o instituto. Fun á universidade e incorporeime ao mundo laboral. Todo de manual, cun paso tras outro conseguín seguir as directrices que me catalogaban como un bo fillo e como un adulto maduro e responsable. Pedín traslado a outra cidade, sentía que o lugar que me viu nacer sempre sería un cárcere para min e construín a miña vida como tempo atrás soñara.
Conseguírao, eu só, sen ningún tipo de axuda ou apoio, o meu segredo mantívose a salvo durante todo ese tempo por temor ás reaccións dos meus seres queridos. Pero xa non ía esperar máis. Necesitaba retirar a laxa baixo a que ocultara aos meus o meu verdadeiro eu. Quería que o soubesen todo e que me comprendesen, pero se cando llo dixese non o entendían, entón xa non sufriría por iso como tempo antes fixera. Conseguira chegar a quererme, xamais daría un paso atrás nese sentido.
Aos meus pais custoulles comprender. Foi necesario tempo e moitas conversacións para que asumisen algo inesperado para eles. Algúns amigos afastáronse de min, entón souben que non merecían a pena. Outros simplemente déronme unha
palmada nas costas e seguiron sendo os mesmos comigo, coa naturalidade de sempre, polo que lles estarei eternamente agradecido.
Hoxe revisei aquel libro de aventuras que só eu collía e atopei este anaco de papel, as súas palabras fanme lembrar o profundo buraco do que saín para ser quen son hoxe. Miro á fronte e o vexo no sofá, a el, lendo. Ao sentirse observado levanta a vista e sorrí, e a min ilumínaseme o mundo ao sentir que non é que eu sexa un home ao que lle gustan os homes, só unha persoa namorada doutra.